Unha banda de gaitas “con estilo propio”
robaleira celebra esta tarde o seu 25 aniversario
Con 25 anos de traxectoria musical ás súas costas, a Banda de Gaitas Robaleira de Cedeira foi quen de reinventarse co paso dos anos para acadar un estilo propio, diferente. Como unha das pioneiras neste tipo de formacións en Galicia logrou un gran prestixo no país pero tamén fóra del. Os tradicionais desfiles foron cedendo o absoluto protagonismo ás actuacións sobre o escenario. O do Auditorio Municipal de Cedeira acollerá esta tarde a celebración do seu 25 aniversario.
Reportaje de p.c.r.
Non se pode falar da orixe da Banda de Gaitas Robaleira de Cedeira sen facer mención das familias daqueles primeiros alumnos que alá polo ano 84 comezaron a recibir clases de gaita na vila movidos pola paixón que os seus pais e nais sentían pola música tradicional galega. Eles foron os artífices dun proxecto que un ano máis tarde, no 85, nacía no seno da Sociedade Cultural Robaleira, volcado desde entón no traballo pola "dignificación e difusión" da música tradicional.
A escola de gaitas botou a andar da man de Vicente Bermúdez (Pichi), quen ata 1989 se convertiu no seu primeiro director. O presidente da Sociedade Cultural Robaleira -que na actualidade ademais da banda conta cunha orquestra de acordeóns-, Antonio Rodríguez, lembra que por aquel entón había un grupo de baile en Cedeira que, ante a falta de gaitas, tiña que botar man do "casete" para acompañar aos bailaríns. "Así que nos puxemos en contacto con Bermúdez e comezamos coa actividade".
Arrancou cun grupo de 12 nenos de entre 6 e 12 anos aproximadamente e catro anos despois eran xa máis de 40 os alumnos da escola musical, que nutría a banda de gaitas. Na actualidade, esta está integrada por 21 músicos, se ben polas súas filas puideron pasar nestes 25 anos arredor de 120 rapaces. As diferentes etapas da banda están ligadas aos seus sucesivos directores, un total de cinco. Logo de Bermúdez, foi Xavier Carro o que desde 1989 a 1992 fíxose coas riendas da formación. Sucedeulle no posto Xosé Antonio García (1992 ó 2000); Edelmiro Fernández (2000 ó 2001); e Antonio Rodríguez, director desde 2001 e ata a actualidade.
Xa desde o comezo, a Sociedade Cultural preocupouse por ir incrementando a calidade formativa da escola de música a través da contratación de profesionais. Neste sentido, o presidente de Robaleira referiuse a Montse Porto e a José Luis Beceiro, os primeiros profesores que tiveron de solfexo e piano, e percusión, respectivamente, "dúas persoas moi importantes no noso proxecto", apuntou. "Coa mellor formación foi aumentando moito a calidade da banda de gaitas", afirma Rodríguez, o que lle permitiu converterse nunha das poucas bandas de Galicia en facer unha interpretación pouco usual da música tradicional, ata chegar a crear un estilo propio da man da introdución de instrumentos ata entón pouco frecuentes nas bandas de gaitas, como a marimba, o teclado ou o acordeón, entre outras.
O obxectivo, "enriquecela musicalmente e harmonizala sen renunciar ao propio, incluindo ao mesmo tempo música tradicional doutros países", comentou o actual director.
Link: www.diariodeferrol.com
