Concello de Cedeira
O Concello de Cedeira prevé asinar en cuestión de días un acordo coa Deputación da Coruña, por importe de 80.000 euros, para ampliar a oferta deportiva do municipio. Así, ademais da piscina e do pavillón polideportivo, o acordo que a administración local subscribirá coa presidida por Salvador Fernández Moreda, dará lugar á construción de catro novas infraestruturas deportivas. Un campo de futbito, unha pista de tenis e outra de pádel, ademais dun frontón para a práctica da petanca son as propostas que a día de hoxe baralla o equipo de José Luís Vergara, alcalde cedeirense. O conxunto das instalacións construirase nas inmediacións do pavillón, onde o Concello dispón de chan suficiente para levar a cabo unhas intervencións que poderían estar listas nun prazo de tres meses, segundo as previsións dos políticos locais.
José Luís Vergara entende que as proxectadas obras veñen completar a oferta de lecer e deportiva e, ademais, apunta que o Concello realizou un verdadeiro esforzo investidor nos últimos meses para mellorar as instalacións xa existentes. Neste sentido, adiantou que o vindeiro luns entrará en servizo a piscina municipal, unha vez que na mesma leváronse a cabo traballos de climatización, entre outras importantes melloras. Con respecto ao pavillón, subliñou a obra que consistiu na reposición da cuberta para evitar o problema de humidades, noutro tempo moi común.
Link: www.diariodeferrol.com
