A asociación ecuestre A Crina organiza unha Xuntanza Cabalar no paseo marítimo de Cedeira
redacción > ferrol Ducias de cabalos participan hoxe nas probas que se organizan en Cedeira dentro da Xuntanza Cabalar que organiza a asociación ecuestre A Crina. É o terceiro ano consecutivo que se leva adiante esta festa, aínda que era unha experiencia xa coñecida polos cabaleiros da localidade, que a organizaran noutras ocasións. A actividade comezará ás dez da mañá no paseo marítimo, coas probas de andadura dos cabalos federados. Pola tarde, a partir das catro, serán as competicións de arrastre (na area) e as de andadura para os animais que non están no circuíto da Federación. As inscricións poden facerse aínda hoxe pola mañá. Os premios irán desde os 150 euros ata os 30, en función do lugar no que queden clasificados os animais. Tamén haberá trofeos. A asociación A Crina agrupa a cabaleiros de Cedeira que se xuntaron hai uns anos. Ademais desta xuntanza, organizan rutas e participan noutras festas equinas.
Link: www.diariodeferrol.com
