Máis dunha vintena de parellas casarán o sábado en Cedeira inspirados nos celtas
redacción > ferrol
Cedeira vístese de celta esta fin de semana para celebrar de novo o Lugnasad, unha importante festa desta cultura na que as parellas se comprometían e así pasaban xuntos o inverno. Se xa a localidade foi a grande impulsora da recuperación do Samaín -outra data clave do calendario dos ancestros-, a vila vólcase agora nesta outra festividade.
As actividades comezarán o venres, aínda que os clans -os grupos de amigos ou familiares- xa durante toda a semana comezan a montar as súas casetas no poboado, que se sitúa no Camiño Real da Magdalena, cara a San Isidro, despois da Revolta.
Os mercaderes colocan os seus postos de venda o venres pola mañá e, pola tarde, a partir das cinco, haberá xogos e actividades deportivas para os nenos. Ás once da será a queima do espantallo e a noite dos Druidas, na que non faltará a queimada.
O día das vodas será o sábado 27. A partir das once da mañá reuniranse as parellas para participar no desfile, que sairá unha hora despois desde o poboado e rematará na praza Roxa. Serán aproximadamente 500 metros os que percorra unha comitiva composta polos namorados, membros dos seus clans, druidas, sacerdotisas e a banda de gaitas Robaleira. Serán recibidos á unha pola concelleira de Educación e Persoal, Almudena Molina.
Á hora de comer ofrécese a opción de participar na "Comida de Pedidos", nun céntrico mesón da vila que ofrece produtos do mar, ou facelo por libre. Ás cinco da tarde volverán ser os nenos os protagonistas con xogos e actividades deportivas e a búsqueda do Graal, outra importante lenda da cultura dos países da Bretaña. Os premios e o reparto de agasallos e xoguetes entre os máis pequenos daranse ás sete da tarde.
O ritual da voda será pola noite. A partir das dez comezarán a reunirse os participantes no poboado, para iniciar un percorrido ata a beira do mar ás once da noite. Alí oficiará o druida Aneiros dos Ártabros (Manuel Aneiros Loureiro, impulsor da festa) para dar paso á cea, consistente en xabarín asado, pan, bebida, doces típicos de Cedeira, queixo e marmelo da zona e queimada.
Ata o de agora hai inscritas 22 parellas para dar conta do seu amor mediante un ritual inspirado na cultura celta. Chegan de distintos lugares de Galicia pero tamén de Ponferrada, Asturias, Terrassa, Madrid, Lima, Cádiz, Tarragona, Berlín ou Bilbao. A eles pídeselles que veñan vestidos de época (neste punto dáse bastante liberdade e admítense roupas celtas, medievais, vikingas ou incluso baseadas en literatura fantástica, como "O señor dos aneis") e que leven unha coroa de flores.
Ós clans pídeselles que participen no desfile do sábado á mañá, con destino á praza Roxa, e que sexan respectuosos coa natureza en todo momento. De feito, as casetas non poden danar ningunha árbore (non está permitido cravar puntas) e, se se emprega plástico, debe quedar cuberto con algún outro material. Incluso no caso do poboado para os nenos, as tendas de campaña deben taparse con algunha tea ou con verde. As normas para a súa colocación insisten tamén na necesidade de manter a zona limpa e impoluta cando o Lugnasad remate e se recollan as tendas. "A filosofía do mundo celta era moi respectuosa co medio ambiente. Sería bo que seguiramos a manter esa filosofía", indican desde a organización.
O Lugnasad celebra a súa terceira edición en Cedeira -en Galicia, hai vodas celtas tamén en Bretoña, no municipio lucense de Pastoriza- cunha alta participación e coa colaboración de distintas entidades da vila. O propio Concello implícase nesta festa, así como a asociación Amigos do Lugnasad -creada expresamente como apoio-, a banda de gaitas Robaleira e a Sociedade de Caza e Pesca Cedeira-Cerdido. Tamén participan no evento empresarios, comerciantes, artesáns e veciños da localidade.
Link: www.diariodeferrol.com
